Inicio Carballo ao día Novas Últimos días para participar na...

Últimos días para participar na campaña “Quere o teu mercado”, que rematará co sorteo dunha viaxe a Madeira

Nalgúns postos do mercado municipal xa esgotaron os boletos para participar

Mércores 24 de maio do 2017

O 27 de maio celébrase o Día Internacional do Mercado, e coincidindo con esa efeméride a Consellería de Economía, Emprego e Industria promove unha campaña na que participan numerosas prazas de abastos galegas. A de Carballo é unha delas, e a Concellería de Promoción Económica reforza esa iniciativa autonómica co sorteo dunha viaxe para dúas persoas a Madeira (Portugal). A proposta tivo moi boa acollida, e, de feito, en varios postos do mercado municipal xa se esgotaron os boletos.

A campaña “Quere o teu mercado” rematará o día 28. Ata esa data, os establecementos que aínda teñan boletos entregarán un por cada 5 euros de compra. As persoas participantes deberán cumprimentalos cos seus datos e depositalos nunha urna que estará situada no propio mercado. O sorteo realizarase o día 28 ás 11 horas. O premio consistirá nunha viaxe para dúas persoas que inclúe os voos directos dende Santiago, os traslados entre os aeroportos e o hotel e sete días de estancia nun hotel de tres estrelas en réxime de aloxamento e almorzo. A persoa gañadora terá de prazo para gozar do seu premio ata o 30 de novembro.

Compartir: