Inicio Carballo ao día Novas Vía libre para a contratación das...

Vía libre para a contratación das obras de acondicionamento e ampliación de seis centros sociais en cinco parroquias

O Concello de Carballo realizarán un investimento de 459.419,33 euros con cargo aos orzamentos deste ano

Luns 22 de maio do 2017

Centro social de Outón (Rus)

Centro social de Outón (Rus)

A rede de centros sociais das parroquias non só medra en novas edificacións, senón tamén en calidade. Á parte da construción de infraestruturas como a que se está a levar a cabo en Ardaña, o Concelllo de Carballo financia con cargo aos orzamentos deste ano a posta a punto de seis locais en cinco parroquias. A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe o inicio do expediente de contratación das obras, que suporán un investimento de 459.419,33 euros. En todos os casos, as actuacións responden ás demandas do movemento asociativo que utiliza e xestiona as instalacións municipais.

Deste xeito, no centro social de Artes, que comparte edificio coa escola unitaria, as melloras empezarán xa no exterior da parcela, coa substitución da beirarrúa actual por unha soleira de formigón. Tamén se mellorará o illamento, actuando na totalidade das fachadas e na carpintería. Na planta baixa reformarase totalmente a cociña existente, e na primeira tamén se realizará unha reforma integral. A obra completarase coa substitución da cuberta, que será de tella, entre outras melloras.

En Entrecruces tamén se actuará no exterior para solucionar problemas de humidade e para mellorar o perímetro do edificio cunha soleira de formigón a modo de beirarrúa. Tamén se solucionarán defectos de illamento mediante unha actuación na totalidade das fachadas e o cambio da carpintería exterior. Na planta baixa realizarase unha reforma integral, que inclúe demolición de tabiques, mellora de todas as instalacións ou construción dun aseo adaptado. Tamén se modernizarán as instalacións do primeiro andar, e pintarase todo o edificio. Por último, instalarase nova cuberta de tella.

Interior do centro social de Ramil durante unha reunión do Consello Parroquial de Rus

Interior do centro social de Ramil durante unha reunión do Consello Parroquial de Rus

Na parroquia de Rus faranse obras nos centros sociais de Ramil e Outón. Neste último o proxecto inclúe a impermeabilización exterior, e, como no caso anterior, unha actuación integral de illamento nas fachadas que inclúe o cambio da carpintería. A planta baixa renovarase por completo, e tamén se colocará nova cuberta de tella. A intervención en Ramil consistirá no illamento exterior, a redistribución e acondicionamento da planta baixa e a posta a punto da cuberta.

O investimento medio sitúase en 66.000 euros en cada centro, e o prazo de execución previsto é de 5 meses.

Nos locais de Oza e Sísamo faranse obras de ampliación, no primeiro caso para conseguir un mellor aproveitamento do espazo dispoñible, e no segundo, para a construción dunha edificación auxiliar destinada a almacén acaroada á escola. Neste caso o investimento sitúase arredor dos 27.000 euros de media, e o prazo de execución previsto é de tres meses.

Outros acordos da Xunta de Goberno Local

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou unha solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de 8 traballadores/as para Protección Civil, un convenio de colaboración coa Cruz Vermella para a realización de prácticas profesionais de socorrismo acuático e outro convenio entre a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e a Universidade Pontificia de Salamanca para prácticas profesionais de psicoloxía clínica.

Aprobada a adhesión do Concello de Carballo ao convenio entre a Fegamp e as empresas subministradoras de enerxía para a protección das persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou urxencia social

En materia de contratación deuse luz verde ás prórrogas, previstas nos contratos correspondentes, de explotación da cafetería do Pazo da Cultura e de utilización privativa do solo público para a colocación de postos durante as festas de San Xoán, en ámbolos casos por un ano. Ademais aprobouse a resolución do contrato de servizos de aluguer de pala e camión con condutor para diversos departamentos municipais.

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local acordou a inclusión dunha proposta de adhesión do Concello de Carballo ao convenio entre a Fegamp e as empresas subministradoras de enerxía para a protección das persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou urxencia social.

Compartir: