Inicio Carballo ao día Novas O segundo recoñecemento extraxudicial de...

O segundo recoñecemento extraxudicial de crédito e a modificación da RPT, principais asuntos do pleno de abril

O Concello de Carballo acada un mínimo histórico de facturas pendentes do exercicio anterior, cun total de 47.531,46 euros

Venres 21 de abril do 2017

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na comparecencia de hoxe

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na comparecencia de hoxe

No pleno ordinario de abril, que se celebrará o vindeiro luns 24, aprobarase o segundo recoñecemento extraxudicial de crédito deste ano, é dicir, facturas do exercicio anterior que foron rexistradas no Concello de Carballo nos últimos meses e que supoñen un importe global de 12.290,59 euros. Deste xeito acádase un mínimo histórico, xa que, como explicou hoxe o alcalde na presentación dos asuntos da sesión, entre os dous recoñecementos extraxudiciais deste ano (o de xaneiro e este) suman 47.531,46 euros. Estas cifras constitúen “un indicador da boa saúde económica do Concello e do ben feito que está o orzamento”, destacou Evencio Ferrero.

As modificacións do cadro de persoal e da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo figuran entre as propostas

O alcalde, que compareceu hoxe ante os medios de comunicación acompañado pola concelleira de Contratación, Seguridade, Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, tamén informou sobre os asuntos relacionados co persoal que se someterán ao criterio da corporación na sesión do luns. Por unha banda figura a modificación do cadro de persoal para crear unha praza de auxiliar de biblioteca en substitución da de auxiliar administrativo que existe agora. A traballadora que a ocupa xubilarase en breve, e dende o goberno municipal considérase que o máis axeitado é crear un posto específico e axustado ao labor que estaba desenvolvendo. Así mesmo, dadas as limitacións legais actuais para contratar persoal e as necesidades existentes, crearase unha praza de persoal eventual de técnico asesor de medio ambiente.

En relación co persoal municipal, no pleno do luns tamén se someterá a debate a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) con varios obxectivos: aprobar o complemento específico para os axentes da Policía Local en segunda actividade, a creación dunha praza de técnico de normalización lingüística e outra de oficial xefe da Policía Local, e a adecuación dos postos de encargado de persoal de obras e servizos, xefe da área de formación e emprego, xefe do servizo de proxectos e obras e xefa do servizo de persoal “para que as súas responsabilidades laborais se correspondan coas puntuacións e os salarios que teñen”, explicou o alcalde.

Outros asuntos

A orde do día, que se pode consultar no documento adxunto, complétase coa designación de membros do PP nos distintos órganos de representación municipal, tras a incorporación de Aurelio Núñez; unha modificación do orzamento para incluír unha certificación da obra da caldeira de biomasa da piscina Carballo Calero, unha moción do PSOE sobre a publicidade dos acordos plenarios e a adaptación do plan POS + aos requirimentos da Deputación da Coruña.

Compartir: