Inicio Carballo ao día Novas Tramitados case 1.000 documentos no primeiro mes...

Tramitados case 1.000 documentos no primeiro mes de funcionamento da Unidade de Estranxeiría e Documentación

O servizo inclúe un Punto de Actualización do DNIe que está dispoñible as 24 horas do día nas dependencias da Policía Local

Mércores 19 de abril do 2017

Hoxe fai un mes que empezou a funcionar na planta baixa da casa consistorial a Unidade de Estranxeiría e Documentación, un servizo que forma parte da estrutura organizativa da Policía Nacional e que ten como cometido a tramitación e expedición de documentación de cidadáns españois e o control de cidadáns estranxeiros. Ao longo destes 30 días, polas dependencias cedidas polo Concello de Carballo pasaron preto de 1.000 persoas. 

O servizo máis demandado é o de expedición e renovación do Documento Nacional de Identidade. De feito, neste primeiro mes foron tramitados máis de 800. Aínda que a veciñanza do propio municipio é maioritaria, a Unidade de Estranxería e Documentación de Carballo é xa un centro de referencia para os habitantes de toda a Costa da Morte, e mesmo ten prestado atención a cidadáns doutros puntos da provincia e de Galicia. Ademais do DNI, outro dos trámites que se realizan na oficina é a expedición e/ou renovación de pasaportes, máis de 80 neste período. Estas cifras demostran, en opinión do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que ”é un servizo tremendamente necesario, e a cidadanía está a valoralo moi positivamente”.

No balance deste primeiro mes figura, ademais, a detención dun veciño de Lugo cando acudiu a renovar o seu DNI, xa que tiña en vigor unha orde de busca e captura ditada por un xulgado navarro.

Outros servizos

O Punto de Actualización do DNIe está situado nas dependencias da Policía Local

O Punto de Actualización do DNIe está situado nas dependencias da Policía Local

Coa posta en marcha do servizo tamén entrou en funcionamento o Punto de Actualización do DNIe (PAD), unha máquina que está dispoñible as 24 horas do día nas dependencias da Policía Local para as persoas que precisen activar o seu DNI electrónico.

Na unidade de Carballo existe unha plantilla de seis funcionarios: un oficial, dous policías e tres funcionarios dos corpos xerais. O horario de funcionamento é de luns a venres de 9 a 14, e o teléfono de atención ao público é o 981 755 118. Polo momento non está operativo o servizo de cita previa por Internet. A corto prazo está previsto así mesmo, que se empece a tramitar a Tarxeta Única de Estranxeiro. Ademais,  a oficina de Carballo será a base operativa dun equipo móbil que se desprazará ás localidades limítrofes con certa periodicidade e que tamén atenderá en domicilios a cidadáns dependentes ou con problemas de mobilidade. 

Compartir: