Inicio Carballo ao día Novas As seis novas áreas de estacionamento...

As seis novas áreas de estacionamento gratuíto acondicionadas polo Concello entrarán en servizo mañá

A Concellaría de Obras e Servizos amplía as bolsas de aparcamento con 133 prazas nas zonas do Rego da Balsa, o Pazo da Cultura e o CEIP A Cristina

Mércores 19 de abril do 2017

O aparcamento próximo ao Pazo da Cultura ten capacidade para 41 vehículos

O aparcamento próximo ao Pazo da Cultura ten capacidade para 41 vehículos

Mañá, coincidindo coa celebración do mercado semanal, entrarán en servizo as seis novas áreas de estacionamento gratuíto acondicionadas polo Concello de Carballo. En total serán 133 prazas distribuídas entre as contornas do Rego da Balsa, o Pazo da Cultura e o CEIP A Cristina, tres zonas moi frecuentadas, dado que albergan edificios e servizos públicos.

Con estas incorporacións superamos as 2.000 prazas de aparcamento de balde no casco urbano, e a gran maioría están a non máis de cinco minutos a pé da Praza do Concello. Neste caso as obras foron executadas pola empresa Construcciones Dámaso Ferreiro en menos de tres semanas e cun orzamento de 22.979,99 euros. Os traballos consistiron na retirada de terra, a cementación, a realización dunha base de zahorra e o remate en superficie con zahorra para as zonas de estacionamento e gravilla para as de circulación. As 6 novas áreas de estacionamento correspóndense con outros tantos solares cedidos provisionalmente pola propiedade mediante o sistema de comodato, que permite a utilización pública dos terreos a cambio da exención de impostos. O modelo está a dar moi bos resultados, e dende a Concellaría de Obras e Servizos continuaranse a tramitar posibles cesións noutros puntos do casco urbano.

O aparcamento próximo ao Pazo da Cultura ten capacidade para 41 vehículos. No mesmo ámbito urbano, para dar servizo tamén aos usuarios/as do CEIP  A Cristina e a estación de autobuses, hai outro espazo de aparcamento para 14 automóbiles. As outras catro parcelas sitúanse na contorna do Rego da Balsa, na que xa contamos coa bolsa de aparcamentos gratuítos máis grande do casco urbano, cunhas 700 prazas en total.



Galería

Compartir: