Inicio Carballo ao día Novas O Consello Parroquial de Lema prioriza o...

O Consello Parroquial de Lema prioriza o acondicionamento dun local social coma espazo para impulsar a participación veciñal

A veciñanza pediulle ao alcalde que tramite diante da Demarcación de Costas a instalación dunha pasarela de madeira na zona da marisma, dende a Fonte de Santa Irene ata a Pedra do Sal

Sábado 18 de marzo do 2017 Participación veciñal

O Consello Parroquial de Lema presentou na súa primeira xuntanza un completo dosier de necesidades, moitas delas, como a mellora da rede viaria (que se atopa xa en contratación e estará lista para o verán), o control das empresas madeireiras polos danos que causan nos accesos ao monte, a instalación de marquesiñas, a reposición de puntos de luz ou a extensión dos servizos de auga e saneamento, comúns a outras parroquias.

Pero en Lema están especialmente interesados/as en potenciar a participación veciñal. De feito, empezaron a xuntanza agradecendo ao Concello de Carballo “a oportunidade de expoñer as nosas peticións” e demandando o acondicionamento da antiga escola, na que se celebrou o consello, como local social para convertelo “no punto de encontro da parroquia, un lugar onde os pequenos poidan xogar e estar entretidos e seguros, os maiores poidan ter o seu faladoiro, xogar á partida ou tomar un café e que as asociacións poidan traballar”.

En concreto, o Consello Parroquial de Lema propuxo reformar o espazo existente para adaptalo ás necesidades e crear un aula para accións formativas, obradoiros ou ximnasia. No exterior piden iluminación, un parque infantil e outro biosaudable, ademais da mellora do camiño de acceso. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e actuaciónasegurou que por parte do Concello non hai problema algún en seguir estendendo a rede de centros sociais sempre que teñan uso, e comprometeuse a encargar unha memoria técnica das melloras precisas e do seu custe. En función diso decidirase se a obra pode acometerse coas baixas do proxecto de reforma doutros seis centro sociais que está previsto nos orzamentos deste ano ou se hai que agardar ao 2018. En calquera caso, o compromiso é firme.

Turismo e patrimonio

Outra das grandes prioridades do Consello Parroquial de Lema é “potenciar e coidar a zona en xeral pola súa riqueza paisaxística, ecolóxica e turística”. A veciñanza pide máis e mellor sinalización, e actuacións concretas coma unha pasarela pola zona da marisma que una a Fonte de Santa Irene coa Pedra do Sol. O alcalde lembrou que xa no 2007 solicitóuselle á Demarcación de Costas unha pasarela que bordease a marisma, pero a obra non se levou a cabo. Os/as veciños/as pedíronlle que volva a facer xestións.

Tamén se interesaron pola limpeza do camiño dos muíños, pola mellora do río da Senra e polo acondicionamento do miradoiro de Santa Irene. Neste punto Evencio Ferrero sinalou que está en elaboración un proxecto para cementar a zona do Castrillón e a subida ata o miradoiro “para facer cando se poida”. Así mesmo, explicou que en breve sairá a contratación a elaboración dos plans especiais de Razo e Baldaio, cada un dos cales custará máis de 100.000 euros, e que definirán a ordenación de ámbolos ámbitos.

Así mesmo, na xuntanza informaron de que contan coa cesión do terreo para acondicionar e ampliar o campo da festa, un proxecto que piden que se complemente coa construción de baños público e axudas para as celebracións patronais. O alcalde anunciou que este ano haberá subvencións para as festas, para o cal está a elaborarse a convocatoria correspondente.

O Consello Parroquial de Lema, no que houbo moi boa sintonía entre todas/os as/os participantes, rematou cunha sorpresa, xa que a veciñanza tiña preparada unha degustación na que seguiron comentando cuestións de interese para a parroquia. A próxima xuntanza será o 29 de setembro.

Compartir: