Inicio Carballo ao día Novas O luns empezará a funcionar a oficina...

O luns empezará a funcionar a oficina permanente da Policía Nacional para a tramitación de DNI, pasaporte e estranxería

A atención ao público será de luns a venres de 9 a 14 horas na planta baixa da Casa do Concello de Carballo

Venres 17 de marzo do 2017

A partir do luns xa non teremos que desprazarnos á Coruña nin agardar a visita do servizo móbil da Policía Nacional, porque Carballo contará cunha oficina permanente para a tramitación de DNI, pasaporte e estranxería. Os funcionarios que atenderán as instalacións e persoal técnico da Policía Nacional desprazáronse hoxe ata Carballo para comprobar que todo funciona con normalidade, xa que o mesmo luns sairán das dependencias habilitadas polo Concello de Carballo na planta baixa da casa consistorial os primeiros carnés.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destaca a importancia do servizo para a poboación do municipio de Carballo e de toda a Costa da Morte, máis de 100.000 persoas que terán moito máis preto un servizo que todas e todos usamos, e nese sentido a implicación do Concello coa posta en marcha da oficina é total.

Á espera de activar o servizo de cita previa por Internet está dispoñible o número de teléfono 981 755 118

O Concello de Carballo encargouse da reforma do espazo, situado na planta baixa do edificio consistorial e ao cal se accederá directamente dende a rúa Cervantes. O local conta con sala de agarda, servizos hixiénicos, oficinas e dous despachos. Tanto o mobiliario coma o equipamento técnico están instalados e, segundo se puido comprobar hoxe, todo funciona con normalidade.

Aínda non hai data para a inauguración oficial, que se realizará ao longo da vindeira semana, pero a oficina da Policía Nacional abrirá as súas portas ao público o luns ás 9 horas. A atención ao cidadán prestarase de luns a venres de 9 a 14 horas, e moi pronto estará operativo o servizo de solicitude de cita previa a través de Internet. Polo momento está dispoñible o número de teléfono 981 755 118.

Compartir: