Inicio Carballo ao día Novas A Feira das Oportunidades volverá a reunir...

A Feira das Oportunidades volverá a reunir os días 11 e 12 de marzo as mellores ofertas do comercio carballés

A xerente do Centro Comercial Aberto e o alcalde presentaron hoxe a iniciativa

Xoves 23 de febreiro do 2017

Mª Carmen Freire e Evencio Ferrero, na presentación de hoxe

Mª Carmen Freire e Evencio Ferrero, na presentación de hoxe

Volve a Feira das Oportunidades coas mellores ofertas do comercio carballés para iniciar a transición do inverno á primavera. O Centro Comercial Aberto (CCA) celebrará os días 11 e 12 de marzo, coincidindo coa primeira feira do mes, unha nova edición dunha cita que xa está plenamente consolidada tanto entre o sector comercial coma entre o público. E será, por segundo ano, na contorna do Rego da Balsa, un espazo que “convenceu” pola boa accesibilidade e a facilidade para aparcar, segundo manifestou a xerente do CCA, Mª Carmen Freire, na presentación da iniciativa.

A xerente do CCA estivo acompañada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que manifestou o seu apoio á Feira das Oportunidades “para que vaia nese camiño permanente do éxito” e que contribúa a que Carballo “siga sendo un punto de encontro para todas as persoas que queiran aproveitar para comprar e para desfrutar de Carballo”.

Nesta edición haberá 28 stands na carpa, que estará aberta de 10 a 21 horas: Alonso Moda, Lola’s, Deportes San Remo, Maiela, Atmósfera Sport, Moda Suárez, B&S moda e complementos, Un paso máis, O Rastrillo, Coco Moda, Farmacia veterinaria, El rincón de María, Benetton, Mímate, O barco dos soños, Zapatillería Isabel, Sueño de Hadas, Sos Tronic, Calzados Susa, Poppy, Federópticos Nicolás, Retoños, Alquileres Reneymar, Moncho Antelo, O Recreo Animación, área de descanso, La Voz de Galicia e CCA Carballo. “Teremos moda, deporte, calzado e complementos, pero tamén outros sectores, como a animación infantil ou os agasallos”, sinalou Mª Carmen Freire, e todos ofrecerán descontos de ata o 70%. Os socios do CCA teñen prioridade á hora de participar, pero todos son comercios de Carballo.

A Feira das Oportunidades ten un orzamento de 22.000 euros, que se sufragarán coas cotas que pagan os expositores e as achegas do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Comercio. A xerente do CCA agradeceu a colaboración da Brigada Municipal de Obras, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil.



Galería

Compartir: