Inicio Carballo ao día Novas O apoio ao Casino, o POS+ e a renuncia do...

O apoio ao Casino, o POS+ e a renuncia do portavoz do PP, principais asuntos do pleno de febreiro

Miguel Ángel Ferreiro felicitou aos traballadores municipais, agradeceu o traballo da corporación e, sobre todo, o apoio do seu grupo

Luns 20 de febreiro do 2017

Membros do Casino asistiron como público ao pleno

Membros do Casino asistiron como público ao pleno

O pleno de febreiro comezou con aplausos do público, integrado na súa práctica totalidade por membros da Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños – Casino de Carballo. O motivo, a aprobación dunha declaración institucional que figura integramente no documento adxunto e na que a corporación expresa, en primeiro lugar, o seu apoio á entidade, e, en segundo termo, o desexo de que siga mantendo a súa actividade no mesmo local que ata o momento. Todos os grupos votaron a favor menos Terra Galega, que se abstivo.

POS+ 2017

O gran tema de debate da sesión, que se adiantou unha semana para que non coincidise co Entroido, foi o programa POS+ 2017, que ten un importe de 2.022.233,66 euros. PP e Terra Galega abstivéronse porque non comparten o criterio do goberno municipal do BNG de destinar 888.143,16 euros a gasto corrente, mentres que o alcalde, Evencio Ferrero, cualificouno coma unha oportunidade. Por que? Porque en lugar de agardar aos prazos da Deputación, explicou, o Concello de Carballo inclúe esa mesma cantidade no capítulo de investimentos para rematar coas obras de mellora da rede viaria nas parroquias. De feito, grazas a este sistema xa están en licitación os proxectos integrais para Rus, Sofán, Lema e Rebordelos, que doutro xeito terían que agardar a finais de ano.

A maiores, no POS+ 2017 inclúense o campo de fútbol de Sofán, a reurbanización das rúas Río e Montevideo, a segunda fase das obras de urbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero e, con cargo ao plan complementario, que se financiará coas baixas das obras anteriores, tamén se inclúen varias actuacións illadas previstas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), en concreto na zona de Pedra Furada e na rúa Cándido González Tiradas.

O Concello de Carballo pagará 826.703,83 euros ao ano tras a revisión do contrato de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público

PP e PSOE abstivéronse con respecto á modificación do contrato administrativo de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público para adaptalo aos prezos actuais da luz. Co cambio aprobado, o Concello de Carballo pagará 826.703,83 euros ao ano.

Os populares tamén se abstiveron en relación coa moción do PSOE sobre a praga da pataca, argumentando que a Xunta xa está actuando ao respecto. O resto dos grupos manifestáronse a favor de instar ao Goberno do Estado a publicar con carácter de urxencia o real decreto que regule as plantacións nas zonas afectadas, así como a demandar da Xunta de Galicia que dispoña a partida orzamentaria necesaria para proceder ás oportunas indemnizacións que deriven da campaña de erradicación.

Despedida de Miguel Ferreiro

Miguel Ferreiro, de pé, cos seus compañeiros/as de grupo

Miguel Ferreiro, de pé, cos seus compañeiros/as de grupo

E de novo soaron os aplausos, neste punto do pleno para despedir a Miguel Ángel Ferreiro, portavoz do Partido Popular, que presentou a súa renuncia como concelleiro. “Hoxe poño fin á miña vida política”, comezou, para explicar a continuación que non pode dedicarlle o tempo que Carballo necesita. O ata hoxe líder do PP quixo felicitar expresamente aos traballadores do Concello “pola súa profesionalidade” e agradecer o traballo de toda a corporación e, en especial, do seu grupo. "Sempre fixen o que cría que era o mellor para Carballo”, rematou. Todos os portavoces destacaron o labor de Miguel Ferreiro e e súa gran valía como político, pero, sobre todo, como persoa. O alcalde, Evencio Ferrero, desexoulle “nesas raíces carballesas que nos unen, moita sorte,  moita felicidade no persoal e moitos éxitos no profesional”.

Descargas

Compartir: