Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará o...

A corporación municipal aprobará o luns o plan provincial POS+ por un importe de 2 millóns de euros para Carballo

A dimisión do portavoz do PP, Miguel Ángel Ferreiro, e unha declaración institucional de apoio ao Casino son outros asuntos da orde do día

Venres 17 de febreiro do 2017

O goberno municipal destina unha parte importante do POS+ a gasto corrente para poder axilizar as obras de mellora da rede viaria nas parroquias

O pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro, que debería celebrarse o día 27, adiántase unha semana para evitar a coincidencia co Entroido. Será, polo tanto, este luns 21, e entre os asuntos que forman parte da orde do día destaca a aprobación do plan provincial POS+ 2017, por un importe de 2.022.233,66 euros. O goberno municipal optou por destinar 888.143,16 euros a gasto corrente “porque isto permitiunos adiantar os prazos de obras”, explicou o alcalde, Evencio Ferrero. Deste xeito, en vez de agardar a que se realicen todos os trámites, hai varios proxectos de mellora da rede viaria nas parroquias que xa están en proceso de licitación, o que permitirá completar moito antes a posta a punto das pistas de todo o concello. “Aproveitamos a oportunidade que nos brinda este ano a Deputación, porque axilizamos moitísimo os prazos para o Concello. Pero isto non quere dicir que invistamos menos, senón todo o contrario, e como mostra están os datos da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), segundo os cales somos o sexto concello galego que máis investiu o ano pasado”, engadiu.

Descontados eses 888.143 euros, o resto do POS+ si que permitirá acometer importantes investimentos. Para o campo de fútbol de Sofán, que xa está cedido ao Concello de Carballo mediante escritura pública, destínanse 546.549,64 euros, que o Concello complementará con 43.661 de recursos propios para aproveitar a oportunidade de seguir poñendo en valor instalacións deportivas cun altísimo nivel de uso, como é o caso do Carral.

A obra de reurbanización da rúa Montevideo, que terá plataforma única, custará 168.893 euros

A obra de reurbanización da rúa Montevideo, que terá plataforma única, custará 168.893 euros

No casco urbano tamén se realizarán obras para seguir mellorando as infraestruturas urbanas e para seguir gañando espazos para os peóns grazas aos fondos procedentes do PAI (Plan de Aforro e Investimento). O Concello de Carballo actuará este ano nas rúas Montevideo e Río con investimentos de 168.893 e 189.543 euros, respectivamente, que permitirán continuar co modelo de plataformas únicas que tan bos resultados está a dar. Así mesmo, afrontarase a segunda fase da urbanización da contorna do CEIP San Luís Romero, cun orzamento de 265.802 euros.

A maiores, como as bases do POS+ indican que o Concello de Carballo debe destinar un 20 % do orzamento municipal a un plan complementario que se acometería coas baixas das obras anteriores, o goberno pretende seguir afrontando compromisos que figuran como actuacións illadas dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), en concreto na zona de Pedra Furada, cunha partida de 195.175 euros para actuar en varias vías, e na rúa Cándido González Tiradas, na que se realizará unha actuación en dúas fases por un total de 232.000 euros.

Outros asuntos

Na orde do día do pleno do luns tamén figura unha declaración institucional de apoio á Sociedade Recreativa Cultural Bergantiños – Casino de Carballo, a petición da xestora da entidade. A renuncia do portavoz do PP, Miguel Ángel Ferreiro; a modificación do contrato de servizos enerxéticos para adaptalo ao prezo actual da electricidade, e unha moción do PSOE sobre a praga da pataca completan a sesión, que comezará ás 20.30 horas.

Descargas

Compartir: