Inicio Carballo ao día Novas O venres faranse públicas as notas da...

O venres faranse públicas as notas da primeira proba de acceso á Escola de Hostalaría de Carballo

Hoxe celebrouse o exame, que consistiu nun test composto por 40 preguntas

Mércores 15 de febreiro do 2017

O exame celebrouse no auditorio e no hall da nave 1 do Fórum

O exame celebrouse no auditorio e no hall da nave 1 do Fórum

Este venres faranse públicas as notas da primeira proba de acceso á Escola de Hostalaría de Carballo, un exame tipo test composto por 40 preguntas de todo tipo e de distintos graos de dificultade, dende cales son os ingredientes principais do pan ata que é un umami ou a que se lle chama mise en place. Ao remate da proba tamén houbo valoracións de todo tipo por parte dos/as participantes. 

Agora tócalle ao tribunal facer a avaliación. Cada resposta correcta terá un valor de 0,25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa. As datas de celebración faranse públicas no taboleiro de anuncios situado no segundo andar do Fórum Carballo e na páxina web do Concello (carballo.gal).

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán á terceira proba, de carácter práctico, que ben poderá consistir na elaboración dun prato nas instalacións de hostalería do Fórum Carballo ou en empratar unha elaboración previamente cociñada. Os 15 mellores serán admitidos/as e o resto quedarán como suplentes.

A formación terá unha duración de 1.135 horas, 815 teórico-prácticas nas instalacións do Fórum Carballo e 320 de prácticas en empresas durante o verán. O obxectivo é formar a estas 15 persoas en cociña e servizos de restaurante baixo uns parámetros de calidade que se axusten ás necesidades reais do mercado de traballo, favorecendo así a inserción ou a mellor laboral dos/as participantes.

Compartir: