Inicio Carballo ao día Novas Máis de mil nenas e nenos participaron no...

CONCILIACIÓN FAMILIAR

Máis de mil nenas e nenos participaron no programa Concilia ao longo dos seus dez anos de funcionamento

Este curso bateuse un récord, con máis de 160 usuarios e usuarias a diario

Luns 16 de xaneiro do 2017

Conciliar é un pouco máis doado en Carballo dende hai 10 anos, os mesmos que leva en funcionamento o programa Concilia. No seu momento foi unha iniciativa da Concellería de Igualdade e Benestar pioneira na Costa da Morte, pero outros concellos da zona imitaron despois un modelo que ten sobradamente demostrada a súa validez e a súa necesidade. A proba está en que ao longo destes dez anos recorreron ao servizo municipal máis de mil nenas e nenos. Este curso bateuse un novo récord, con máis de 160 usuarios e usuarias a diario.

Que é o programa Concilia?

É un servizo municipal creado para apoiar ás familias e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Durante o período escolar o programa desenvólvese nos propios colexios, onde, a partir das 07.30 horas, as familias poden deixar aos seus fillos e fillas a cargo de monitores especializados. Para as épocas vacacionais hai programas específicos de conciliación.

Quen pode solicitar o programa?

As familias que teñan aos seus fillos e fillas matriculadas nos colexios nos que se leva a cabo, Bergantiños e Fogar. Hai varias modalidades: usuarios habituais con almorzo, usuarios habituais sen almorzo, usuarios de semanas alternas con ou sen almorzo e usuarios de días soltos.

Por que non funciona en todos os colexios?

Cando o Concilia entrou en servizo, en novembro do ano 2006, tamén figuraba o CEIP A Cristina, pero deixou de funcionar por falta de usuarios. O único requisito que se pon dende a Concellería de Igualdade e Benestar é que exista un número mínimo de 10 alumnos para que sexa viable. Neste sentido, a concelleira delegada da área, Maica Ures, sinalou que todos os anos a fin de curso envíase un comunicado informativo aos centros e lembrou que calquera colexio pode solicitar en calquera momento a posta en marcha do Concilia.

Cando pode inscribirse un neno/a?

En calquera momento do ano. O Concello de Carballo abre un prazo de matrícula no verán e manteno durante todo o curso, para que calquera familia poida recorrer ao servizo cando o precise. A utilización do Concilia pode ser por meses, por días soltos ou só para épocas vacacionais, en función das necesidades das familias.

Que fan os nenos/as dende as 07.30 ata que entran nas aulas?

Os monitores que os atenden desenvolven con eles un montón de actividades. Na primeira hora son máis relaxadas (xogos de mesa, pintura...) e na segunda, despois do almorzo, que é opcional, soen utilizar os ximnasios dos coles para realizar xogos colectivos.

Que tipo de almorzo se lles ofrece?

Os menús son variados e saudables, e adaptados a aqueles nenos e nenas con alerxias alimentarias. Sempre inclúen leite con cacao e zumes de froitas. Para “mollar” altérnanse cereais, gallegas, torradas e pan tumaca, e os venres hai sorpresa.

Onde se pode obter máis información e inscribirse?

No departamento de Igualdade e Benestar, situado no edificio do antigo ambulatorio (xunto ao centro de saúde), ou no teléfono 981 700 688. Na páxina web do Concello de Carballo tamén está dispoñible a ordenanza cos prezos segundo os servizos requiridos.

Ligazóns

Compartir: