Inicio Carballo ao día Novas A veciñanza da rúa Xúpiter...

A veciñanza da rúa Xúpiter solicita a supresión das prazas de aparcamento co obxectivo de gañar espazo para os peóns

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos participaron na xuntanza na que se tomou a decisión popular, por 38 votos a favor e 2 en contra

Xoves 12 de xaneiro do 2017

Os veciños e veciñas da rúa Xúpiter adoptaron onte pola noite unha decisión inédita: solicitar a supresión das prazas de aparcamento previstas no proxecto de mellora da vía coa finalidade de gañar máis espazo para os peóns. O acordo foi practicamente unánime, xa que só dúas das 40 persoas que asistiron á xuntanza, celebrada na propia rúa, votaron en contra. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e un representante da empresa adxudicataria, Construcciones Ramón Vázquez y Reino, asistiron para dar resposta ás posibles consultas respecto da execución do proxecto, pero ao mesmo tempo convertéronse en testemuñas dunha decisión que avala a política de humanización da contorna urbana impulsada polo goberno municipal.

A votación realizouse a man alzada

A votación realizouse a man alzada

A reunión fora convocada a petición do Concello de Carballo, despois de que un grupo de veciños presentase un escrito solicitando a eliminación dos aparcamentos, para coñecer a lexitimidade desa demanda, sobre a cal, á vista dos resultados, non caben dúbidas.

O proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas na rúa Xúpiter, incluído no Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña, foi concibido dende o primeiro momento como unha actuación singular para unha rúa tamén atípica dentro do casco urbano, conformada case na súa totalidade por vivendas unifamiliares de pouca altura, e na que, ademais, dende hai décadas non se realizaba ningunha obra de mellora. Por iso, o primeiro paso que se debe dar é a renovación ou instalación dos servizos soterrados.

Plataforma única

Con respecto ao acabado final da vía, o Concello de Carballo apostou sempre polo modelo de plataforma única, que tan bos resultados está a dar alí onde se implanta. A necesidade de ampliar as beirarrúas para adaptalas ás normativas de accesibilidade implicaba a desaparición das prazas de aparcamento nunha das beiras, aínda que estaba previsto mantelas na outra, de xeito que no proxecto prevíase un carril de circulación de formigón, outro de aparcamento, e amplas zonas peonís con lousas de pedra granallada en ámbalas marxes.

Esta configuración vai mudar tras o acordo veciñal. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, deixou a decisión final nas mans dos propietarios e/ou residentes, despois de explicar que a supresión dos aparcamentos implicará a ampliación das beirarrúas e un pequeno incremento do custe da obra, adxudicada por 75.519,24 euros, que o goberno está disposto a asumir.

A rúa Xúpiter continuará aberta á circulación, con sentido único, pero xa non se poderá estacionar. Os veciños e veciñas queren recuperar para a convivencia unha vía na que se manteñen as boas relacións de veciñanza malia á diversidade de opinións, como quedou demostrado onte coa aceptación plena do resultado da votación por parte das dúas persoas que defendían a outra postura.

Compartir: