Inicio Carballo ao día Hemeroteca Celsa Atlantic doa 100 kg de alimentos aos...

MAICA URES RECIBIU A DOAZÓN DO COMITÉ DE EMPRESA

Celsa Atlantic doa 100 kg de alimentos aos Servizos Sociais municipais para que sexan repartidos entre Cáritas e Cruz Vermella

Xoves 22 de decembro do 2016

Doazón Servizos Sociais

David e Agustín, do comité de empresa de Celsa, coa concelleira Maica Ures

O Concello de Carballo vén de recibir, da man de membros do Comité de empresa de Celsa Altlantic máis de 100 quilogramos de alimentos para persoas desfavorecidas. A Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, foi a encargada de recollelos e serán os Servizos Sociais municipais os responsables de repartir a doazón entre Cáritas e Cruz Vermella de Carballo para que os repartan este Nadal entre as familias máis necesitadas do municipio.

Cáritas tamén recolle alimentos e roupa e Cruz Vermella xoguetes para os máis cativos e cativas para as familias desfavorecidas este Nadal

Hai que lembrar que Cáritas ten instalada unha carpa na contorna da igrexa parroquial na que non só informan das súas actividades, senón que recollen donativos, tanto alimentos para o próximo ano como roupa. O que máis se demanda son produtos non perecedoiros, por exemplo azucre, cacao, aceite ou, tamén, conservas. Podedes obter máis información no 981 971 620. Por outra banda, Cruz Vermella Carballo tamén pon en marcha polo Nadal unha campaña para recoller xoguetes novos, non bélicos e non sexistas para os nenos e nenas máis desfavorecidos da comarca. Podedes obter máis información no 981 70 37 64.

Compartir: