Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 304 
Fax: 981 704 302 
nelvidal@carballo.gal

OS DÍAS 18 E 19 DE XULLO NO FÓRUM

“Traballando na calidade da lingua”, o curso de verán que volve a converter Carballo en centro de debate sobre o futuro do galego

O alcalde, Evencio Ferrero, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe o convenio de colaboración

Venres 29 de xuño do 2018

A presentación do curso realizouse hoxe no Fórum Carballo

A presentación do curso realizouse hoxe no Fórum Carballo

Universidade da Coruña, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización da Lingua (CTNL) e Concello de Carballo son as catro patas que sustentan o curso de verán Traballando na calidade da lingua. O Fórum Carballo, onde tiveron lugar hoxe a sinatura do convenio de colaboración e a presentación do curso, converterase unha vez máis no centro de debate sobre o futuro do galego, pero nesta ocasión non para tratar sobre dinamización lingüística, senón para analizar a calidade da lingua, facer propostas e divulgar ferramentas de mellora.

“O importante é falar a nosa lingua dentro duns parámetros de calidade”, apuntou o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei, na presentación. Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL, explicou o papel que desenvolve a coordinadora e destacou que despois de 13 anos, nos que se acadaron “froitos gorentosos” coma os programas Apego ou Youtubeir@s, toca facer “un parón para centrarnos no asesoramento e na calidade da lingua, que queremos potenciar”.

Reitor e alcalde asinaron o convenio de colaboración

Reitor e alcalde asinaron o convenio de colaboración

Aos fillos deses 13 cursos, a maioría deles celebrados en Carballo, tamén se referiu o alcalde. “O interesante é que o que aquí se fala transcenda ao curso, como ocorre con Apego ou Youtubeiros. Cando é así é porque algo se está a facer ben”, engadiu Evencio Ferrero, ademais de expresar o seu desexo de que “co paso do tempo siga habendo iniciativas que poñan o galego en valor en distintos estamentos da nosa sociedade”.

Julio Abalde, reitor da UDC, que pechou o acto, insistiu na mesma idea. O obxectivo deste novo curso de verán, dixo, é crear “un espazo de reflexión dos traballadores que están a traballar na normalización para saber cara onde imos e cara onde queremos ir”.

O curso de verán Traballando na calidade da lingua desenvolverase os días 18 e 19 de xullo no Fórum Carballo. A matrícula está aberta até o día 15, e hai 65 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Toda a información que precisas está na web inferior.

Ligazóns

Descargas

Compartir: