Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 304 
Fax: 981 704 302 
nelvidal@carballo.gal

Para Cantas Cousas queiras podes usar o galego sen límites nin restricións

Arrancou a campaña do Concello de Carballo para convidar a usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais

Venres 11 de maio do 2018

A presentación da campaña contou coa participación de varios/as dos/as seus/súas protagonistas

A presentación da campaña contou coa participación de varios/as dos/as seus/súas protagonistas

Para corazóns contentos, para compras e caprichos, para conxeniar e convivir, para cálidas cancións, para cafés e confidencias, para cabezas creativas, para cóxegas cómplices, para conversas cruzadas, para crebar cadeas, para celebrar conquistas..., para cantas cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira.

Esta é a idea da campaña que acaba de poñer en marcha o Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), para convidar a usar a lingua galega libremente en todos os contextos, en todas as situacións, por parte de xente de todas as idades. Presentárona hoxe o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, e o alcalde, Evencio Ferrero, que puxeron o noso concello como exemplo de uso da lingua propia e convidaron á veciñanza a seguir mantendo "ese compromiso co idioma". No acto, celebrado no primeiro andar do Mercado Municipal, participaron varios e varias protagonistas das imaxes que ilustran a campaña.

De feito, temos as rúas cheas de bandeirolas e carteis e as redes sociais de imaxes, coa participación de moita xente de Carballo de diversos ámbitos e idades que se quixo sumar a este convite. Persoas como Alba Cotelo, todo creatividade; Ana Abelenda e Natalia Álvarez que son confidentes diante dun café; as rapazas e rapaces de Aula 11 coas súas cancións; Germán e Patricia que convidan a comprar no comercio local; Hadri Felpete e Isa Fernández, que queren crebar cadeas; Lili e Ali coas súas conversas cruzadas; Natalia, que celebra conquistas no deporte; Rosa Rial e Xan Fernández, que pasean pola praia os seus corazóns contentos; Santi Picos, Cristina Castro, Mon Lendoiro e Milagros Cotelo que conviven e conxenian; ou Xan e Alberto Vecino coas súas cóxegas cómplices.

Un lote de xente de Carballo que quere convidar a usar o galego libremente para o amor, para o comercio, para a convivencia, para a música, para a creatividade, para a transmisión aos nenos e ás nenas, para o whatsapp, para o deporte..., para todo, sen límites, sen restricións! Por iso se fixeron dez deseños diferentes, con dez frases referidas ao libre uso do galego noutros tantos ámbitos (e todas as frases con dúas palabras, e que comezan por CC, como Creative Commons, a licenza de libre uso; ou como Concello de Carballo).

Na campaña, que inclúe cartelaría por todo o concello, bandeirolas nas rúas do centro, imaxes en redes sociais, publicidade en prensa e un vídeo para transmitir esta mensaxe, participan todas esas persoas de Carballo, mais tamén Juan Gende coa súa creatividade e certeiros deseños, e Mar Casal e Oti Fernández coas súas fotos e imaxes.

E todas as persoas que queiran poden sumarse á campaña. Para iso só teñen que usar o galego libremente en cantas situacións e circunstancias queiran, sen límites de ningún tipo, pois temos unha lingua CC, unha lingua Concello de Carballo, unha lingua con licenza Creative Commons, unha lingua con licenza de libre uso.

Vídeos

Compartir: