Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

O Correlingua é unha actividade escolar, lúdica e reivindicativa que este ano ten como lema “A lingua non para!

150 rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO do IES Isidro Parga Pondal participan no Correlingua na Coruña

Xoves 3 de maio do 2018

O Correlingua é unha actividade escolar, lúdica e reivindicativa que dura un curso e na que participan miles de alumnos e alumnas que son os verdadeiros protagonistas da actividade reflexionando sobre a situación do idioma e levando as súas reflexións á banda deseñada, o vídeo ou o manifesto que será lido nas once localidades en que se celebrarán as festas finais. Este ano ten como lema A lingua non para!

O Correlingua iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.

Correlingua é unha das maiores actividades de dinamización da lingua galega, en canto a duración, extensión e persoas involucradas que se realiza no noso país. A importancia de contarmos con actividades coma o Correlingua que teñan por obxectivo a normalización da nosa lingua segue a ser unha necesidade a día de hoxe, como sinalan as tres entidades organizadoras CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

As carreiras lúdicas de final de festa do Correlingua comezaron hoxe, día 3 de maio na Estrada, e pasarán a partir de mañá pola Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Tomiño, Mondoñedo, Ourense, Monforte de Lemos, Ferrol e Vigo.

As festas finais contarán, por tanto, coa lectura do manifesto gañador, e a actuación dun dos grupos gañadores do Cantalingua, concurso de grupos de música. Este ano a festa final na Coruña será presentada pola actriz e humorista Isabel Risco.

O Concello de Carballo, ademais de colaborar coa organización, tamén colabora desde o seu Servizo de Normalización Lingüística cos institutos que queren participar, facilitando o seu desprazamento á Coruña. Así, 150 rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO do IES Isidro Parga Pondal participan mañá, venres 4 de maio, na carreira Correlingua na Coruña. Sairán de Carballo, desde o propio instituto, ás 9:30 h. A carreira partirá ás 11.00 h do pavillón de Riazor e rematará na Torre de Hércules, onde terá lugar a festa final á partir das 12.15 h.

Ligazóns



Galería

Compartir: