Inicio Centro de atención cidadá Convocatorias Axudas para a conciliación da persoa...

Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma

O 3 de febreiro empeza a contar o mes de prazo para a solicitude das axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade. Mediante esta axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para:

  • Contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, contribuído a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o gromo da COVID-19 en Galicia.
  • Contratación dunha persoa, durante o período subvencionable, para o coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III), ao seu cargo.
  • Gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III), realizados no período subvencionable, sempre e cando estean ao seu cargo.

Persoas e entidades beneficiarias

  1. As persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que segundo o anexo I teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na CA de Galicia, que gozasen dun período de descanso por nacemento e que no prazo dos 15 días seguintes á súa finalización realicen un contrato a unha persoa traballadora por conta allea.
  2. As sociedades e comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias

  1. Bono concilia 1: para ter dereito á subvención a persoa traballadora autónoma tivo que estar previamente de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. No prazo dos quince días naturais seguintes á finalización do período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, débese realizar un contrato de calquera modalidade co compromiso dunha duración mínima de seis meses. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego. Non é necesario que cumpra estes requisitos se a contratación se realiza coa mesma persoa que estaba contratada por interinidade por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma.
  2. Bono autónomo concilia II: para ser beneficiario desta axuda, o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade e/ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio que a persoa dependente ou con grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á solicitude. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego.
  3. Bono autónomo servizo para o coidado de menores: para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou dun servizo de coidado de menores, sempre e cando estes sexan descendentes directos (primeiro grado) ou acrediten unha convivencia de máis de tres meses e, ademais a persoa solicitante sexa beneficiaria do bono autónomo concilia I ou do bono autónomo concilia II.
  4. Bono autónomo servizo para o coidado de maiores ou dependentes: para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes e acreditar a súa convivencia previa nos tres últimos meses anteriores á solicitude e a súa relación de consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao e, ademais, a persoa solicitante sexa beneficiaria do bono autónomo concilia I ou do bono autónomo concilia II.

Obrigas das persoas solicitantes

  • Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da CA de Galicia, así como, coa Seguridade Social.
  • Realizar a súa actividade na CA de Galicia.
  • Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito para percibir estas axudas.
  • Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da CA, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

Ligazóns

Compartir: