Inicio Ano do Xestal Novas Medio centenar de empresarios e...

XUNTANZA DA ESTRATEXIA DUSI NA CASA DO CONCELLO

Medio centenar de empresarios e representantes do tecido económico local opinan para construír o "Carballo do futuro"

Luns 14 de novembro do 2016

Xuntanza EDUSI 14 Novembro

O empresariado cubriu unha enquisa para opinar sobre as iniciativas do proxecto

Preto de medio centenar de empresarios e representantes do tecido económico de Carballo mantiveron o luns 14 de novembro unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello para opinar e contribuír a construír o "Carballo do futuro" a través da Estratexia DUSI (Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integrado) e así axudar a mellorar o proxecto que concorrerá á segunda convocatoria de fondos FEDER da Unión Europea. Durante case hora e media os responsables de Valora, consultora encargada do asesoramento do proxecto, representantes da Universidade da Coruña (UDC), de todos os grupos da corporación e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, expuxeron os principais obxectivos da iniciativa e a importancia de que toda a cidadanía e, nomeadamente o tecido empresarial de Carballo, axuden a crear unha estratexia conxunta para mellorar a vila.

O proxecto céntrase en desenvolver estratexias para o casco urbano relacionadas co medio ambiente, a inclusión social ou as novas tecnoloxías

Todos e todas os asistentes cubriron unha enquisa na que se abordan os principais eixos do proxecto: as novas tecnoloxías, a creación dunha economía baixa en carbono, a protección do medio ambiente ou a inclusión social. A través do cuestionario ofreceron as súas ideas e puntos de vista sobre a EDUSI e tamén expresaron en voz alta as súas dúbidas. A necesidade de mellorar o ciclo da auga, a creación de "smartcities", a importancia das novas tecnoloxías na xestión de servizos públicos, eliminar as barreiras arquitectónicas, crear máis zonas verdes e plantar máis árbores, potenciar o emprendemento ou incidir na formación dos colectivos máis desfavorecidos foron algunhas das ideas que xurdiron durante a xuntanza.

Horizonte: o ano 2022

En todo caso, durante a reunión subliñouse a importancia de que todos os colectivos do Concello, e nomeadamente o tecido empresarial, participen e colaboren na elaboración do proxecto xa que, como subliñan dende Valora, non se trata dun proxecto circunscrito a un único goberno municipal, senón que se trata dunha iniciativa cun horizonte temporal centrado en 2022, que vai durar máis dun mandato e que está pensada para que se constrúa entre todos.

Os empresarios e empresarias que non puideron asistir á reunión (e todos os veciños e veciñas) aínda poden participar a través de varias canles até o domingo 27 de novembro: 

  • Participar nunha enquisa online que non leva máis de cinco minutos clicando aquí. Tamén pode descargarse máis abaixo o cuestionario en pdf, imprimilo e entregalo no Concello (primeiro andar) ou remitilo por correo electrónico.
  • Enviando suxestións ou a enquisa ao enderezo electrónico <carballodofuturo@gmail.com>.
  • Opinando a través de Facebook, clicando aquí.
  • Opinando a través de Twitter en <@carballo_gal> co hashtag #CarballodoFuturo
Precisamos da opinión de todos os veciños e veciñas! Axudade a construír o Carballo do futuro!

Ligazóns

Descargas

Compartir: