Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

En marcha a Escola de Natación de Carballo, na que este curso aprenderán a nadar outros 540 nenos e nenas

A escola municipal leva 34 anos en funcionamento

Xoves 16 de setembro do 2021

O 13 de setembro iniciaron a actividade os primeiros grupos de alumnos e alumnas da Escola de Natación do Concello de Carballo. Ao longo desta semana foron incorporándose todos, ata completar, na xornada de hoxe venres, os 540 nenos e nenas que aprenderán a nadar, ou seguirán mellorando o seu estilo, ao longo deste curso. Un cento deles proceden da lista de agarda, que procuramos ir reducindo cada ano na medida das posibilidades.

A Escola de Natación do Concello de Carballo empezou a funcionar no ano 1987, polo que pronto celebraremos o seu 35º aniversario. Ano tras ano, coincidindo co curso escolar, todos os días, de luns a venres, entre as 16.45 e as 20.00 horas, a piscina do complexo deportivo Vila de Noia está reservada para os nenos e as nenas do municipio carballés. Mesmo no ano 2020 quixemos manter a actividade, o que obrigou a realizar un esforzo de adaptación moi importante tanto nas instalacións coma por parte do persoal da área de Deporte e, sobre todo, dos usuarios e usuarias da instalación.

A día de hoxe, os grupos pechados, a máscara, as restricións de acceso das familias ou as medidas de hixiene forman parte da rutina asumida por todas e todos. As restricións derivadas da COVID-19 obrigaron a reducir o número de alumnos e alumnas, aínda que, en función da evolución da situación epidemiolóxica, as cifras iranse revisando. O servizo funciona cun protocolo específico que podes descargar máis abaixo.

As persoas que precisen información máis detallada sobre o funcionamento da Escola de Natación do Concello de Carballo poden poñerse en contacto coa área de Deporte a través do enderezo electrónico carballodeporte@carballo.gal, chamando ao 981702109 ou presencialmente nas oficinas “Carballo Deporte” na rúa Vila de Corcubión.

Compartir: