Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

DO 18 AO 20 DE ABRIL

O Carballo Handball Festival cumpre cinco anos consolidado como o evento deportivo de referencia na Semana Santa

Máis de 500 nenos e nenas de 52 equipos desfrutarán de tres días de deporte e convivencia

Martes 9 de abril do 2019

Os pavillóns Vila de Noia, Carballo Calero e CEIP Fogar acollerán os días 18, 19 e 20 de abril a 5ª edición do Carballo Handball Festival, organizado polas Escolas de Balonmán Xiria coa colaboración do Concello de Carballo, Carballo Deporte e Carballo a un paso, e co patrocinio de Conservas Calvo. Competirán máis de 500 rapaces e rapazas e 52 equipos -infantís, alevíns e benxamíns masculinos e femeninos- de 16 clubs: ademais do anfitrión, o Ademar León, Gijón Jovellanos, BM Ribadesella, BM Sinfín (Santander), BM Pacense (Badajoz) e os galegos BM Camariñas, At. Novás, At. Guardés, BM Rodeiro, BM Narón, BM Brigantium, BM Rasoeiro, Luceros e BM Rasoeiro. Dos case 120 partidos do calendario, os de categoría infantil disputaranse nos pavillón do CEIP Fogar e Carballo Calero, mentres que a competición alevín e benxamín terá como sede o polideportivo Vila de Noia.

O evento presentouse esta mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, Fernando Vázquez e José Antonio Rodríguez, do BM Xiria, e Borja Tajes, en representación da Federación Galega de Balonmán.

Marcos Trigo afirmou: “En Carballo non paramos co extenso programa de actividades deportivas que temos todo o ano, e en Semana Santa non ía ser menos. Vendo a traxectoria, a participación e o nivel de todos os equipos que competiron nas catro edicións anteriores, seguro que a de este ano tamén será un éxito. Por iso hai que darlle os parabéns as Escolas de Balonmán Xiria pola organización e polo traballo que desenvolven ao longo da temporada, para este evento en particular e para a promoción do deporte de base, o que converteu nunha das mellores canteiras non só de Galicia, senón de todo o estado”.

Fernando Vázquez: "Para nós o verdadeiramente importante será moita a xente que se achegue a Carballo, coñeza a vila e goce do que, por riba de todo, é unha festa do balonmán e tres días para a socialización e a convivencia”

Fernando Vázquez debullou polo miúdo o funcionamento do torneo e falou da importancia que ten par o Balonmán Xiria: “Malia que para nós era máis práctico, a nivel organizativo, centralizar o festival na zona do complexo deportivo Vila de Noia e do colexio Fogar, como, ano a ano, o Handball segue a medrar, nesta edición vímonos na obriga de botar man do pavillón Carballo Calero para facer fronte ao intenso calendario de partidos. Seguimos manténdenos nas cifras de anos anteriores, o que nos enche de orgullo, sobre todo porque nestas datas temos que competir con outros torneos consagrados desde hai moitísimos anos, como o Handebol Mania portugués ou o Corrales santanderino. Nesta edición van durmir e comer no Fogar 313 persoas, ás que hai que engadir as que participarán nunha soa xornada e logo regresarán ás súas localidades de orixe, o que nos dá un total de 557 participantes, entre técnicos e xogadores. Logo sumariamos colaboradores, árbitros, mesas... ata chegar a unhas 600 persoas, sen contar familiares e acompañantes, polo que o número de persoas que move o Handball festival estaría moi cerca das 900. Para nós iso é o verdadeiramente importante pois, dentro do carácter lúdico do torneo, máis que competitivo, será moita a xente que se achegue a Carballo, coñeza a vila e goce do que, por riba de todo, é unha festa do balonmán e tres días para a socialización e a convivencia”.” “Un dos clubs que me agrada especialmente que veña este ano”, rematou, “é o Atlético Guardés, unha referencia no balonmán feminino nacional”.

“A Xiria -dixo Borja Tajes- hai que agradecerlle este esforzo polo balonmán; non é fácil xuntar a 800 persoas nun evento así, e en Semana Santa, e para unhas convivencias deportivas que para a Federación Galega son moi importantes”. “Que o Handball Festival chegue xa á súa quinta edición -engadiu- é unha mostra de que as cousas se están facendo ben. Como comentaba Fernando, que xogadoras e xogadores de clubs de toda España estean ilusionados en vir a Carballo en Semana Santa e xa o comenten entre eles desde principio da tempada, fala por si só do interese que esperta o torneo”.

José Antonio Rodríguez agradeceu a presenza da Tajes na presentación e a colaboración do Concello: “É certo que o torneo precisa dunha labor organizativa importante, pero tamén que contamos co apoio das institucións e dos pais e familiares dos nosos xogadores e xogadoras”.

Para Evencio Ferrero, o deporte “é, indubidablemente, un gran factor de dinamización do concello, pero sempre dixemos que tamén un motor económico da vila. Hai que darlle os parabéns ao Balonmán Xiria porque -nestas datas nas que moita xente desprázase a outros lugares para gozar das vacacións- soubo atopar un espazo e organizar un evento que consigue que case mil persoas veñan a Carballo a gozar do deporte, o que repercute claramente tamén na economía do municipio. As Escolas de Balonmán Xiria, que son tan exemplares en moitas cousas, con este festival seguen a ser exemplares á hora e divulgar o balonmán entre os máis novos”.

Compartir: