Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

A iniciativa "Xogajudo 2019" reúne este sábado en Carballo a máis de 300 nenos e nenas da Costa da Morte

Organiza Judo Club Bergantiños coa colaboración da Federación Galega e o Concello

Venres 15 de marzo do 2019

O pavillón Vila de Noia acolle este sábado, 16 de marzo, desde as 11.30 horas, organizada polo Judo Club Bergantinos, a fase local ‘Xogajudo 2019: deporte fácil e divertido’, unha iniciativa coa que colabora a Federación Galega de Judo que se enmarca dentro do programa Xogade de deporte escolar promovido pola Xunta de Galicia e Deporte Galego. 307 rapaces da categorías de base benxamín, alevín e infantil participan neste xornada, que ten máis carácter de formación que competitivo e cuxos obxectivos son instaurar hábitos de práctica deportiva saudables nos rapaces e rapazas; educar a través dun sistema de participación seguro, estimulando e fomentando os valores do judo (participación, compañeirismo, respecto, e amizade).

No polideportivo carballés instalaranse 10 tatamis, nos que citarán 11 clubes da zona: Buño (14 representantes), CEIP Bergantiños (8), Judo Club Bergantiños (50), Cee-Fisterra (20), CEIP A Cristina (9), EDM Camariñas (40), EDM Muxía (25), EDM Ponteceso (91), Santa Comba (12), CEIP Gándara-Sofán (8) e Zas-Baio (30).

Presentación

O evento presentouse na Casa do Concello nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o vicepresidente da Federación Galega de Judo, Eduardo Galán, e o presidente de Judo Club Bergantiños, David Pérez.

Marcos Trigo salientou o crecemento do judo na zona desde hai uns anos e felicitou a Judo Club Bergantiños, “unha das entidades deportivas de Carballo que traballa principalmente coa base e á que debemos recoñecerlle a súa boa labor”. O concelleiro agradeceu tamén á Federación que contase con Carballo para acoller o campionato.

“Para Carballo”, dixo Evencio Ferrero, “é importante permitir que o judo forme parte do calendario de actividades dos nosos pavillóns, que é intensísimo”. “Nós, encantados de que se faga en Carballo esta concentración, na que seguro que desfrutarán tanto os que estean nos tatamis como os que o vexan desde as bancadas”, rematou.

Eduardo Galán insistiu no carácter non competitivo da xornada: “É un día de convivencia, no que os rapaces e os pais veñen a pasalo ben, máis alá da competición. O judo, dos moitos valores que ten, destaca o da deportividade, a formación dos xoves judokas para que acepten o regulamento do xogo e o papel dos árbitros e dos compañeiros. O judo nesta zona medrar cada vez máis, xa estamos por riba das 600 licenzas, e o obxectivo da Federación é facer cantos máis torneos de promoción mellor”.

David Pérez tivo palabras de agradecemento para o Concello: “Sempre contamos co gran apoio de Marcos Trigo e do Concello, que axudan sempre no que está nas súas mans. Cada vez facemos máis cousas en Carballo: para o mes teremos a cuarta edición do Ludijudo, e diso se trata, de promover o noso deporte, sobre todo entre os pequenos, que é o máis importante”.



Galería

Compartir: