Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

ROSALINO MARIÑO E EVENCIO FERRERO PRESENTARON O CARTEL

O Torneo-Foliada Concello de Carballo de volei praia institúe nesta 11ª edición o Premio Agustín Mourís

A participación de parellas locais continúa en aumento e xa representa practicamente o 90%

Mércores 8 de agosto do 2018

Rosalino Mariño e Evencio Ferrero, na presentación do torneo

Rosalino Mariño e Evencio Ferrero, na presentación do torneo

O volei praia ten cada vez máis tirón en Carballo, e a culpa é das Escolas de Volei Praia de Razo, que todos os veráns converten unha parte da zona da explanada nunha gran cancha de xogo para afeccionados/as de todas as idades. A elevada participación no Torneo-Foliada Concello de Carballo é a proba evidente do auxe deste deporte. O ano pasado batéronse todos os rexistros cun total de 103 parellas inscritas, e a Asociación de Volei Praia Costa da Morte agarda unha participación similar nesta edición. Rosalino Mariño, en representación da entidade, e Evencio Ferrero, como alcalde de Carballo, presentaron hoxe o cartel e os trofeos da competición, que se disputará esta fin de semana e que incluirá por vez primeira, en lembranza de quen foi “un referente do voleibol en Carballo e en Galicia”, a entrega do Premio Agustín Mourís a unha persoa que, como sinalou Rosalino Mariño, “reúna os valores que el representaba”.

O alcalde de Carballo destacou o incremento de número de practicantes de volei praia, unha modalidade que, dixo, “apórtalle nivel e calidade ao volei en xeral, e do que sobre todo saen reforzados o deporte e o lecer, ademais de contribuír a facer unha praia viva e con moita actividade”.

Do mesmo xeito que Rosalino Mariño agradeceu a colaboración do Concello de Carballo, Evencio Ferrero felicitou á Asociación de Volei Praia Costa da Morte “pola promoción do volei praia e do deporte en xeral”. Grazas a ese labor, desde a primeira edición ata esta conseguiuse pasar de que a presenza de parellas locais fose anecdótica a que representen practicamente o 90%. E non só iso, senón que, como destacou Rosalino Mariño, hai “moito nivel” e no futuro “haberá moitas parellas de Carballo no circuíto galego”. Algúns exemplos temos xa, como é o caso de Pablo Deus, que vén de ser convocado coa selección galega.

O Torneo Foliada celebrarase o domingo a partir das 10 e ata pasadas as 20 horas, cun único parón para degustar as dúas paellas xigantes que ofrecerá a organización a todos/as os/as participantes. O prazo de inscrición está aberto ata as 12 desta noite.

Categorías

Supermini: 10 anos de idade ou menos
Sub-15: 11, 12, 13 e 14 anos
Sub-17: 15 e 16 anos
Senior: 17 en adiante
Super 80: a suma das idades dos integrantes da parella ten que ser igual ou superior a 80, cunha idade mínima de 35 anos

Compartir: