Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Remata a inscrición para o 6º Día do Pequebasket cunha participación récord de 62 equipos

700 nenas e nenos de toda Galicia gozarán o 17 de maio en Carballo dunha xornada de deporte, xogos e diversión

Sábado 5 de maio do 2018

A organización do 6º Día do Pequebasket pechou o prazo de inscrición cunha cifra récord de 62 equipos participantes. Novamente supéranse as expectativas da Escola Basket Xiria, organizadora do evento xunto co Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, o que demostra, unha vez máis, o interese que esperta o evento. Isabel Sánchez Fernández, ex xogadora sevillana da selección nacional e actualmente adestradora axudante de Lucas Mondelo na selección absoluta, será a madriña desta edición.

Os 62 equipos que participarán no 6º Día do Pequebasket elevan o número de nenos e nenas por riba dos 700, cifras que confirman a consolidación da iniciativa en só seis anos como unha cita de referencia dos clubs galegos de baloncesto que xa non queren perder esta xornada de xogos, diversión e deporte coincidindo, ademais, co Día das Letras Galegas.

Os detalles do Día do Pequebasket coñecerémolos polo miúdo no acto de presentación que se celebrará o mércores 9 de maio, ás 19.00 horas, na Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Participarán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; o presidente da Escola Basket Xiria, Marcos Díaz Molk, e representantes da Deputación da Coruña.

Compartir: