Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O Conservatorio Profesional de...

O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo comezará o curso o día 19 con 169 alumnos/as

O equipo directivo refórzase coa incorporación de Daniel Novo como vicedirector

Sábado 10 de setembro do 2022

A presentación do curso realizouse esta semana

A presentación do curso realizouse esta semana

O luns 19 de setembro comezarán as clases no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo. Este xoves realizouse a presentación do curso, nun acto destinado especialmente ás familias do alumnado matriculado por primeira vez, para explicarlles o funcionamento do centro e presentarlles ao equipo directivo, que vén de reforzarse coa incorporación de Daniel Novo, profesor de saxofón, como vicedirector. Javier Bardanca continúa como director, Mario Seoane como xefe de estudos e Isaura Rey como secretaria.

O CMUS Carballo terá este curso un total de 169 alumnos e alumnas. En Iniciación haberá dous grupos, con 12 nenos e nenas de seis anos en primeiro curso e 20 de sete anos en segundo. O grao elemental é o máis numeroso, con 75 estudantes, e no grao profesional están matriculados 62.

A semana do 12 ao 16 está reservada para a elección de horarios para instrumentos. Segundo o acordo adoptado polo Consello Escolar, a orde de prioridade na escolla de horarios para as clases individuais é a seguinte:

  1. Familias con dous ou mais irmáns matriculados no centro sempre que o menor non teña 14 anos cumpridos no momento da escolla e sempre partindo dos cursos inferiores en orde ascendente.
  2. O resto do alumnado escollerá horario partindo dos cursos máis baixos e en orde ascendente, comezando a escolla en cada curso por aquel alumno cuxo primeiro apelido comece coa letra T (letra administrativa do 2022) e continuando en orde alfabética ata rematar o curso correspondente.

Isaura Rey, Javier Bardanca, Mario Seoane e Daniel Novo

Isaura Rey, Javier Bardanca, Mario Seoane e Daniel Novo

Dende a dirección do CMUS lembran que é imprescindible acudir presencialmente o día e hora sinalados para escoller horario. Pode asistir a persoa matriculada, un familiar ou persoa na que delegue. No caso de non acudir na data fixada, o centro adxudicará un horario de oficio.

O alumnado e as familias poden seguir toda a actualidade do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo na páxina web http://carballo.gal/conservatorio/.

Compartir: