O profesorado do CMUS ponse a disposición das familias para calquera consulta sobre a segunda avaliación

Despois da Semana Santa coñecerase a decisión da Consellería de Educación sobre a organización do seguinte período lectivo

Domingo 5 de abril do 2020

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo vén de comunicar ás familias, a través dos medios dispoñibles, as cualificacións correspondentes á segunda avaliación. Agora, tal como informou o director do CMUS, Juan Otero, ábrese un período de consultas, reclamacións e resolución de dúbidas para o alumnado, que poderá poñerse en contacto por teléfono co titor ou titora.

A raíz da prolongación do estado de alarma, o equipo directivo programou unha serie de actividades para intentar manter a actividade lectiva polo menos de xeito telemático e que o alumnado, dentro das posibilidades, poida continuar coa súa formación. Segundo as directrices da Consellería de Educación, as tarefas que se realicen de maneira non presencial non serán avaliables de cara ás cualificacións finais e todos os novos contidos que se impartan telematicamente terán que ser impartidos de novo cando se retomen as clases con normalidade. Ademais, os obxectivos curriculares serán revisados para adaptalos a esta situación excepcional na que nos atopamos.

Neste sentido, o equipo directivo do CMUS está á espera de coñecer a decisión da Consellería de Educación sobre a organización da terceira avaliación, que se fará pública despois da Semana Santa e que se trasladará ás familias.

Compartir: