Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O Concello de Carballo ofrece 60 prazas...

O Concello de Carballo ofrece 60 prazas para o curso de Iniciación á música no Conservatorio Municipal

O prazo de preinscrición estará aberto do 2 ao 16 de xullo

Venres 29 de xuño do 2018

O Concello de Carballo e o Conservatorio Municipal de Música (CMUS) achegarán un ano máis a música aos máis pequenos e pequenas. Por sexto ano ponse en marcha o curso de Iniciación, unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar aos máis cativos o contacto coa música e o descubrimento das familias instrumentais, de maneira que cando poidan acceder aos estudos musicais oficiais conten xa cunha pequena base musical e un coñecemento das distintas ferramentas musicais que lles facilite a elección do instrumento que poidan estudar.

A esta convocatoria poderán concorrer todos aqueles rapaces e rapazas de 1º e 2º curso de Educación Primaria, prioritariamente veciños/as de Carballo, que desexen iniciarse no mundo da música. O curso terá un límite de 60 prazas, divididos en 2 grupos, de seis e sete anos, que se adxudicarán por orde de rexistro.

Para preinscribirse nesta convocatoria os/as interesados/as terán un prazo que irá do  2 ao 16 de xullo (ámbolos dous días incluídos) e deberán facelo a través dunha solicitude que poderá recollerse nas Oficinas de Cultura (situadas no 1º andar do Pazo da Cultura) ou descargala máis abaixo. Nesta instancia xa se aclara a documentación que se deberá achegar con ela así como o lugar para presentala (calquera dos rexistros de entrada do Concello de Carballo e rexistro telemático).

O día 19 de xullo darase a coñecer a listaxe de admitidos/as, que poderán formalizar a matrícula entre o 20 e o 27 de xullo entregando por rexistro de entrada o impreso correspondente unha vez liquidadas as taxas establecidas para esta actividade educativa.

Para calquera consulta poden dirixirse ao 1º andar do Pazo da Cultura (Oficinas de Cultura-Conservatorio) ou chamar ao  teléfono 981 704 300.

Descargas

Compartir: