Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O Conservatorio Profesional de...

O Conservatorio Profesional de Música amplía ao verán o servizo de préstamo de instrumentos

Continúan as actividades na recta final do curso, mañá xoves cun concerto de Manolo Bello e Tito Calviño e o venres coa gala de clausura do alumnado de grao profesional

Mércores 6 de xuño do 2018

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo está a desenvolver as últimas actividades deste curso ao tempo que empeza a preparar o seguinte. E para que o alumnado poida seguir practicando durante as vacacións de verán, a dirección do CMUS e a Concellería de Educación decidiron ampliar a esta época o servizo de préstamo de instrumentos. As condicións poden consultarse no contrato que está dispoñible pinchando aquí.

A Concellaría de Educación está a crear nos últimos anos un fondo instrumental, que vai en aumento pouco a pouco, para que a falta de instrumento non sexa un obstáculo para que o alumnado poida estudar a especialidade que máis lle guste. O servizo empezou a funcionar a principios de curso, e agora esténdese tamén ao verán.

Concerto de Manolo Bello e Tito Calviño

A semana pasada celebrouse a cerimonia de graduación

A semana pasada celebrouse a cerimonia de graduación

Nos vindeiros días intensificarase a actividade no CMUS, xa que está en marcha todo o proceso previo ás matriculacións. E tamén están a desenvolverse os últimos actos de fin de curso. Mañá xoves o auditorio do Pazo da Cultura acollerá outra actuación inédita que non podes perder. Trátase dun concerto de piano e acordeón cun solista de excepción, Manolo Bello, antigo profesor do Conservatorio Municipal de Música de Carballo, que virá acompañado doutro intérprete colaborador, Tito Calviño. Será a partir das 20:00 horas nunha estrea en directo con obras orixinais dun autor moi coñecido e querido polo público carballés.

Programa do concerto

1) BIENVENIDO LUCAS (ACORDEÓN)
2) MIFAMIREFAMI
3) ESTUDIO en MI menor
4) A CORUÑA (FANTASÍA) - LETRA: BENIGNO REY / VOZ: TITO CALVIÑO
5) EL ABUELO JUSTO (PIANO)
6) COMO UN CUENTO
7) HA NACIDO UNA ROSA - LETRA: BENIGNO REY / VOZ: TITO CALVIÑO
8) LASOLDO 9) MAR Y PAZ (ACORDEÓN)
10) BELLO Y CALVIÑO
11) JULIA (LETRA: BENIGNO REY / VOZ: TITO CALVIÑO)
12) MARZAL
13) UNA NOCHE GRIS (PIANO)
14) LILA
15) MUIÑEIRA (ACORDEÓN)

Gala de fin de curso

E despois deste recital, o venres 8 a partir das 19.00 horas celebrarase, tamén no auditorio do Pazo da Cultura, a gala de clausura do curso, na que participarán os alumnos e alumnas dos niveis de Grao Profesional. Ao acto, ao que asistirán familiares e amigos/as, están convidadas tamén todas as persoas que o desexen e que queiran gozar dun festival con moito talento, no que se darán cita grandes promesas da música do noso concello e de toda a contorna.

Compartir: