O Concerto de Nadal do CMUS incluirá un variado percorrido pola música de distintas épocas

Mañá xoves a partir das 19 horas actuarán no auditorio do Pazo da Cultura a Banda Xuvenil, a Banda Municipal, os Coros, o Grupo de Guitarras, o Conxunto de Violíns, a Orquestra de Corda e o alumnado de Iniciación Musical

Mércores 20 de decembro do 2017

Orquestra de Corda, dirixida por Juan Otero

Orquestra de Corda, dirixida por Juan Otero

Este ano o Concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música incluirá un variado percorrido musical que abrangue desde María Fumaça ou Michael Jackson ata Haendel. As persoas afeccionadas á música terán mañá xoves unha oportunidade excepcional para gozar coas interpretacións do alumnado do noso CMUS, xa que o concerto, previsto para as 19 horas no auditorio do Pazo da Cultura, ten entrada libre e de balde.

A nova Banda Xuvenil, dirixida por Rafael Espido, abrirá o programa coa interpretación de The Tempest, unha composición de Robert W. Smith con arranxos, como todas as desta primeira parte do concerto, da Aula de Novas Tecnoloxías do CMUS. A continuación subirán ao escenario a Banda Municipal, que tamén dirixe Rafael Espido, e os Coros, dirixidos por Gloria Pardines, para ofrecer as panxoliñas populares San Xosé e o neno Xesús e Xa vai vir a vella, e o tema de José Feliciano Bo Nadal.

A segunda parte arrancará co alumnado de Iniciación Musical e co Grupo de Guitarras, dirixidos por Luis Currás, que ofrecerán A princesa do Caurel e O lenga-lenga do Xanduca, ámbolos dous de María Fumaça, e Billie Jean, de Michael Jackson. A continuación será a quenda do Conxunto de Violíns que dirixe Eduardo Coma para interpretar unha obra do propio director titulada Piazzollando un tango. Pechará o Concerto de Nadal a Orquestra de Corda, dirixida por Juan Otero, con The Enterteiner, de Scott Joplin, e Hallelujah, de Haendel.

Compartir: