Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O Conservatorio Profesional de...

O Conservatorio Profesional de Música comeza o curso cun total de 220 alumnos entre ensinanzas oficiais e Iniciación Musical

A creación dunha banda e unha orquestra infantil, o servizo de préstamo de instrumentos e un espazo web propio son algunhas das novidades

Mércores 20 de setembro do 2017

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo está a iniciar unha nova etapa que coincide coa renovación do equipo directivo. O vindeiro luns 25 arrancará un curso con moitos cambios, como avanzaron o director, Juan Otero; a secretaria, Isaura Rey; o xefe de estudos, Mario Seoane, e o vicedirector, Javier Bardanca, no acto de presentación do curso, que encheu o auditorio do Pazo da Cultura.

Entre as novidades deste curso figuran a incorporación de novas materias, a creación dunha banda e unha orquestra infantil de corda, a apertura deste espazo web e o servizo de préstamo de instrumentos

Unha das cousas que non mudan é a gran demanda que teñen as ensinanzas musicais. Este curso están matriculados no CMUS un total de 220 alumnos, 160 en ensino oficial e 60 en Iniciación Musical, unha actividade non regrada orientada a nenos e nenas de 6 e 7 anos que ten como obxectivo achegalos á música e ao descubrimento das familias musicais, de xeito que cando poidan acceder aos estudos oficiais lles resulte máis doada a elección de instrumento. Este ano, por vez primeira, Iniciación Musical (ata agora Música e Movemento) figura no plan educativo do Conservatorio.

Entre as novidades que deron a coñecer os catro membros do equipo directivo, que estiveron acompañados por boa parte do claustro, figura tamén a incorporación de novas materias, a creación dunha banda e unha orquestra infantil de corda ou a apertura deste espazo web, que facilitará as xestións e a comunicación entre as familias, o alumnado e o centro. Así mesmo, este curso empezará a funcionar un servizo de préstamo de instrumentos.

O acto de apertura oficial do curso, que tamén estiveron presentes o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, rematou cun pequeno concerto do cuarteto de trompistas CatroCores.



Galería

Compartir: