Inicio Áreas Cultura Axenda Arume celebra a edición 40+1 do...

Arume celebra a edición 40+1 do seu tradicional Albaroque

Do venres 16 de xuño ata o sábado 17 de xuño do 2023 Centro social de Verdillo

A asociación cultural Arume de Verdillo celebra o seu tradicional Albaroque, que xa suma 41 edicións, ou 40+1, como reza no seu cartel, que foi presentado na casa do concello. Ademais do peche das actividades do curso e a tradicional sardiñada, esta edición destaca por unha programación máis ampla, unha aposta que a nova xunta directiva pretende manter no tempo.

A celebración xa comezará o venres 16 con xogos e actividades para os máis pequenos, a partir das 19.00 horas, aínda que o día forte será o sábado 17, con teatro, ximnasia rítmica e a música do coro Aires de Bergantiños, exhibición das escolas de baile e música de Arume.

Ás 13.30 horas está prevista a sesión vermú con Cé Orquestra Pantasma, unha iniciativa que pretenden repetir en próximas edicións. De seguido, sardiñada popular e Albaroquiño, cun espectáculo para os máis pequenos, Chungo que che cagas, co pallaso Peter Punk. Ás 19 horas haberá ritmos latinos e rematarán coa entrega de premios unha hora despois. Ás 21 horas dará comezo a primeira edición do Son Pineiro (nome co que se coñece aos veciños de Verdillo), un festival de música tradicional que tamén pretenden repetir en próximas edicións, coas actuacións de Ghazafellos e Faíscas dá Pontraga.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o edil de Cultura, Marcos Trigo, eloxiaron a traxectoria de Arume, que cualificaron de "referente na cultura e na música tradicional", cunha gran implicación veciñal.

Compartir: