Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O Concello volve a aumentar os importes dos vales de alimentos e convoca de novo as axudas para o pago da luz

A Concellaría de Igualdade e Benestar reorganiza a distribución dos recursos dispoñibles para facer fronte ás necesidades das familias

Luns 6 de xuño do 2022

A COVID-19 disparou as solicitudes de vales de alimentos debido á paralización da actividade empresarial, e dende a Concellaría de Igualdade e Benestar non só se fixo fronte no ano 2020 ao forte incremento da demanda, un 69,69% maior que antes da crise sanitaria, senón que ademais incrementáronse as contías dos vales, que non son fixas, porque dependen das circunstancias e do número de membros de cada unidade de convivencia.

Dous anos despois, o problema xa non é o cese da actividade económica que padecemos ao principio da pandemia, senón o encarecemento da vida. “Debido ao incremento do IPC e da inflación, consideramos que é preciso contribuír a que as familias máis vulnerables poidan acceder a recursos básicos”, apunta a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e por iso dende o seu departamento veñen de incrementarse de novo os importante dos vales de alimentos. Así, as familias que teñen que recorrer a eles están a recibir xa entre un 20 e un 25% máis.

Xunto a esta medida, que garante os alimentos básicos a varias familias do noso concello, a Concellaría de Igualdade e Benestar convocará por segundo ano consecutivo as axudas para o pago do recibo da luz. Para o goberno municipal de Carballo, o acceso á electricidade é unha necesidade básica. Por iso, ante as necesidades detectadas e coa finalidade de evitar a existencia de pobreza enerxética no noso concello, hoxe mesmo a Xunta de Goberno Local aprobou as bases desta nova convocatoria, que se abrirá nos vindeiros días.

Poderán acceder ás axudas as persoas maiores de 18 anos ou menores emancipadas, empadroadas en Carballo cunha antigüidade mínima de seis meses, e que cumpran algún dos seguintes requisitos:

  • Ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria.
  • Recibir osixenoterapia domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria.
  • Recibir tratamento de diálise peritoneal domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria.
A subvención á que poderán acceder as persoas solicitantes será de 200 euros, nun pago único.

Compartir: