Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A LISTAXE DE AGARDA SUPERA OS 200 DÍAS

A Udiaf de Bergantiños atendeu o ano pasado a 113 nenos e nenas, que representan o 3,6% da poboación de 0 a 6 anos

Segundo o informe anual do servizo, a pandemia provocou a aparición de máis necesidades, que chocan coa insuficiencia dos recursos existente

Luns 2 de maio do 2022

Yaiza Antelo entregou o informe ao alcalde e á concelleira Maica Ures

Yaiza Antelo entregou o informe ao alcalde e á concelleira Maica Ures

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños atendeu ao longo do ano 2021 a un total de 113 nenos e nenas da comarca, que representan o 3,6% da poboación de 0 a 6 anos. A apertura dunha unidade de atención temperá na Laracha no segundo semestre do ano pasado non só non contribuíu a aliviar a saturación de Carballo, senón que a listaxe de agarda é cada vez máis longa e sitúase xa nos 202,7 días. Este preocupante dato reforza a necesidade de ampliación que se vén demandando nos últimos anos dende o propio servizo.

A coordinadora da unidade de Carballo, Yaiza Antelo, presentoules ao alcalde, Evencio Ferrero, e á concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, o balance anual da Udiaf, cuxo funcionamento estivo moi condicionado pola pandemia, tanto polos protocolos de actuación como polas repercusións que tivo nos nenos e nenas. Neste sentido, entre as conclusións do informe destaca que a COVID-19 provocou “unha desestruturación do día a día” propiciada pola perda da rutina casa-escola-ocio, o cambio das relacións cotiáns, a falta de espazos ao aire libre para xogar ou a facilidade de acceso á tecnoloxía.

Entre outros datos, o informe recolle tamén que a idade media de acceso experimentou “un leve aumento motivado pola ralentización dos procesos de detección nos servizos de primeira instancia”, que son, principalmente, centros de saúde e colexios. No 2021 a idade media situouse nos 3 anos, fronte aos 2,9 do 2020. Destaca a gran diferenza de usuarios/as por sexos, xa que un 72,6% foron nenos e un 27,4%, nenas.

Das 113 familias atendidas, o 63,7% son residentes no noso concello, pero ao servizo, que cumprirá oito anos a finais deste 2022, acoden nenos e nenas dos sete concellos bergantiñáns. En total realizáronse 1.666 prestacións de apoio personalizado e 480 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social para nenos e nenas de 0 a 6 anos. A súa sede está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881946410.

Compartir: